O II Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña (CITIC), está destinado a mozos investigadores (predoutorais e posdoutorais) de universidades galegas e do norte de Portugal que presentarán comunicacións orais ou pósteres das súas investigacións no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC). O obxectivo é construír un espazo de encontro para o debate científico e contribuír así á súa formación.
Como novidade nesta edición, o Congreso XoveTIC está integrado na 27ª Conferencia Europea de Procesamento de Sinais, EUSIPCO 2019, que contará con relatores, investigadores e persoeiros pertencentes ao ámbito da industria de relevancia internacional.
O congreso, cuxa inscrición é gratuíta, suporá unha oportunidade ideal para que as persoas participantes compartan as súas investigacións nun ambiente colaborativo e distendido.
As contribucións ao congreso poderán ser orixinais ou traballos adaptados xa presentados noutros foros. Todos aqueles traballos que se acepten serán publicados nun libro de actas.
Podes acceder á información da edición anterior na seguinte ligazón.